Ciclo de cine francés en Pontevedra

A Fundación Caixa Galicia retoma a súa actividade cinematográfica cun novo ciclo denominado Xoias francesas, que traerá ata as pantallas do Café Moderno dez dos mellores filmes do país galo en versión orixinal e con subtítulos en castelán.

O ciclo, coordinado por Yolanda López, propón unha viaxe na que non faltarán os elementos típicos dese cinema, como a auga, a infancia, as coreografías e exemplos do fil noir. O reencontro co cinema de calidade da man de Truffaut, Renoir, Vigo, Bresson, Tati, Clouzot, Godard e Malle, ás que se unen as achegas do austríaco Haneke e o estadounidense Dassin. Trátase de dez filmes realizados nun marco de setenta anos, desde a poesía das barcazas do Sena ata o desacougo do pasado editado en vídeo.

Xoias francesas ábrese hoxe mesmo, coa proxección, as 20 horas, da película Rififí, (1955, Du rififi chez les hommes), de Jules Dassin, director americano que tivo que abandoar o seu país debido á persecución política comezada polo senador MacCarthy. Refuxiado en Europa, foi onde rodou as súas mellores películas.

O filme de hoxe foi premiado en Cannes, e eloxiado polo propio Truffaut, que dixo que era «o mellor filme de cine negro que xamais vira». Mario Monicelli faría tres anos máis tarde Rufufú, unha fantástica revisión baixo o prisma da comedia italiana.

En Rififí, Tony le Stéphanois sae do cárcere despois de cinco anos de reclusión e atopa á súa ex parella cun coñecido gánster. Sen un céntimo, non lle queda outra opción que retomar a súa vida de criminal xunto aos seus vellos colaboradores. O obxectivo, una xoiería no centro de París.

Conforman o ciclo que hoxe comeza o thriler Agochado (Caché, 2005), de Michael Haneke, que permitirá ver fuxir polas rúas de París aos actores Daniel Auteil e Juliette Binoche ante o desacougo e a mentira, e que se pasará o vindeiro 18 de setembro; Meu tío (Mon oncle, 1958), de Jacques Tati que tamén o protagoniza, prevista para o 25 de setembro.

Para os días 2, 9, 23 e 30 do mes de outubro están programadas outras catro películas: Pickpocket (1958), de Robert Bresson; L’Atalante (1934), de Jean Vigo; As diabólicas (1955), de Henri-George Clouzot e Os catrocentos golpes (Les quatre cents coups, 1959), de François Truffaut.

E o ciclo rematará o mes de novembro, no que se proxectarán outras tres películas, concretamente os días 13, 20 e 27: O río (The river, 1950), de Jean Renoir; Banda á parte (Banda à part, 1964), de Jean-Luc Godard e Adeus, rapaces (Au revoir, les enfants, 1987), de Louis Mall. A entrada é totalmente libre ata completar o aforo, e de balde.

~ por cinegallego en noviembre 16, 2007.

Deja un comentario